
Vaise un grande. Un profe con maiúsculas. Foi en 5° de EXB onde te vimos por primeira vez, saíndo de excursión ós montes de Corme para coñecer a nosa fauna e flora. Respirando a educación doutro xeito, dende a Terra, e transmitindo o amor pola profesión que tiñas, como moi poucos. Ata sempre, Alberto. Ata sempre, Mestre.
Un legado vinculado ao mar
Alberto continuou a obra do seu pai, José Baña Heim, mestre e pioneiro na investigación dos naufraxios da Costa da Morte. Mentres o seu pai localizou arredor de 200 accidentes marítimos, Alberto chegou a documentar máis de 1.200 naufraxios, contribuíndo á memoria colectiva e á historia marítima da zona.
Publicou varias edicións do libro Costa de la Muerte. Historia y anecdotario de sus naufragios, converténdose nun referente para investigadores, docentes e amantes da cultura mariñeira.
Paixón pola docencia
Durante anos foi profesor en centros da Costa da Morte e, nos últimos tempos, no IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo, onde era moi apreciado pola comunidade educativa. Desde o centro despedírono cun emotivo “Que os ventos che sexan favorables”.
Cultura e identidade
Tamén se implicou na recuperación da artesanía do encaixe de Camariñas, propoñendo o estudo das puntillas tradicionais como forma de valorización cultural. A súa familia, moi recoñecida en Camelle, acolleu mesmo a Manfred Gnädinger, o famoso Man de Camelle, nos anos 60
Nada do que nos ensinaches foi nin será en van.
Citas de Alberto Baña
“Meu pai localizou ata a súa morte 200 naufraxios, eu levo xa 1.200.” — Alberto Baña, sobre a continuidade da investigación iniciada polo seu pai
“Fágoo porque foi un libro clave para a imaxe da Costa da Morte e había xente que tiña interese nel.” — Explicando por que decidiu reeditar a obra Historia y anecdotario de sus naufragios